O pleno de Fene cadróu co arranque da campaña electoral

O pleno de Fene cadróu co arranque da campaña electoral

09 de Maio, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O pleno do concello de Fene aprobou un novo paquete de obras por un valor de 165.000€ no pleno celebrado onte á tarde. Inclúense nun DTC, un plan de colaboración da Deputación da Coruña cos concellos. Inclúen a mellora da pista polideportiva de Fonte do Campo, na piscina municipal e a reparación ou reposición de peches de instalacións municipais. Para a portavoz do PP, este foi o único tema que, de todo o debatido onte, importa

As mocións presentadas por BNG e PSOE e mesmo unha do PP, prosperaron todas despois duns debates que por momentos provocaron algún que outro enfrentamento sempre verbal e a pesar de que o PP votou en contra da maioría.
Unha do BNG propiciará que o concello faga unha revisión do consumo eléctrico do concello para evitar o abuso e os cobros indebidos e se estuden outras ofertas. 

Outra do PSOE pedíu o apoio do pleno a que non se aplique a suba do IVE ás perruquerías que pasan de pagar o mínimo, o 8% ao 21% o que pode provocar a ruína e o peche de moitos negocios. O PSOE consultou ás 30 perruquerias de Fene e todas lles transmitiron as queixas dun sector de autónomos, con poucos empregados, a maioría mulleres e un sector con escasos beneficios, inferiores ao 13 %.  O portavoz do grupo socialista non daba crédito a que o PP votase en contra.

A petición de gratuidade dos libros de texto por parte do portavoz do Bloque, Juventino Trigo  ou o mantenemento dos rexistros civís e dos partidos xudiciais que presentaron por separado Bértoa e Noceda, properaron cos votos da maioría. Tamén a última iniciativa do debate, a dos socialistas denunciando a perda de poder adquisitivo das pensións que, ademais de ser moi baixas ( en Galiza máis da metade non acadan o salario mínimo interprofesional) hai que engadir o incremento doutros custes como os medicamentos, o transporte publico, luz, gas etc., segundo o voceiro socialista.

A portavoz de EU, aínda recoñecendo o interés das mocións presentadas con temas que afectan a todo o mundo, queixábase de que son asuntos nos que o Concello pouco ou nada pode facer. Reclamaba falar de cousas que atinxan aos veciños directamente.

O pleno rematou cos rogos e preguntas. Quedámonos cunha reclamación do BNG, que recolle o sentir dos veciños de Limodre demandando a colocación de balizas nas praias da parroquia diante da nova etapa de veran. Outra do PSOE que preguntou polas obras reclamadas no colexio de Sillobre. E rematamos con outro rogo de EU interesándose por unha xuntanza do Consello escolar Municipal antes de que remate o curso.

Sociedade